Casa do Cabido
A construción desta casa lévase a cabo entre os anos 1754 e 1758 a cargo dun dos principais mestres arquitectos do barroco compostelán, Clemente Fernández Sarela.
O solar desta casa estaba ocupado orixinalmente por tres vivendas que se abrían á Praza de Praterías. Dúas destas vivendas avanzaban máis alá da fachada actual, dificultando segundo escritos da época o xiro dos carros cargados de materiais de construcción. Esta circunstancia, sumada á intención de dotar de maior espazo e beleza á Praza de Praterías, leva ao Cabido a adquirir dúas das tres vivendas, que serán demolidas, mentres que a terceira, na esquina coa rúa Raíña, mantén a súa independencia. Esta circunstancia de partida e a capacidade do arquitecto Sarela para resolver de maneira unitaria a fachada barroca envolvendo as tres vivendas son as chaves para entender o proxecto.
A Casa do Cabido é unha tela escénica, un fondo barroco para a Praza de Praterías. Neste sentido, o plantexamento de Sarela non dista moito do concepto de "edificio-anuncio" que o arquitecto norteamericano Robert Venturi desenvolverá 200 anos despois. A fachada do Cabido continúa coa liña da Rúa Fonseca, sen importar que o interior do novo inmoble se reduza a 2,70 m facendo imposible calquiera distribución funcional de vivenda. Nesta fachada, estamos fronte ao barroco de placas galego, que debuxa con difuminados trazos de sombra toda sorte de motivos sobre un lienzo de pedra. A orientación norte da fachada fai que a luz que baña a fachada sea sempre difusa e, salvo a primeira hora da mañá, a percepción da Casa do Cabido semella a dun decorado pintado.
Actualmente é unha sala de exposicións.

Comentarios
Publicar un comentario